CRTVG

Buscar

O Celta sofre para empatar 1-1 en San Mamés

Publicado o 20/01/2020 14:06

• Os de Óscar García suman seis xornadas sen gañar

O Celta saíu con presión extra e non polo espectáculo de luz e son dos prolegómenos, senón polos terribles resultados que se deron pola permanancia. E saíu con Murillo de estrea na defensa, xunto a Araújo, e con Brais na compaña de Rafinha, presto a surtir a Mina e Aspas.

No primeiro cuarto de hora tocou sufrir. O Athlétic apertou e chegou con facilidade, sobre todo, por arriba. O Celta aguantou como puido e tentou sacudirse logo o dominio e o partido foise nivelando. Antes do descanso os dous puideron marcar. O Athlétic tras ese centro de Capa e o remate a queimarroupa de Munain. Estivo sensacional Rubén. E o Celta tras unha boa acción de Iago Aspas que malgastou Mina. Incrible tamén, pero noutro sentido, o de Santi Mina. Así se pechou o primeiro tempo.

O segunda arrancou con Mina na banda e Rafinha arriba e co Athlétic volvendo poñer cerco á meta do Celta. Kevin salvaba o gol cantado de Iñaki Williams. Máis a modificación de Óscar cedo deu froito. Na primeira chegada galega neste período, Rafinha enganchaba un disparo que sorprendía a Herrerín. O lanzamento de Rafa encontrou a axuda involuntaria da perna de Yerai. Era o minuto 56.

Co gol, o xogo do Celta encontrou pouso e máis atrevemento. En especial Rafinha, estimulado polo gol. Mais un erro na conducción, na contra de Beltrán deu pé o empate e ao sufrimento final.
A xogada derivou nun centro de Muniain que lle petou na man o propio Beltrán. Penalti. Minuto 75. Gol de Raúl García. Coa igualada o Celta entroulle o medo e atrincherouse. Meteuse atrás e a piques estivo de aproveitalo o Athletic. Raúl García no remate. O Celta regresou cun punto, segue en descenso e regresou tamén coa certeza de que en Murillo vai ser unha peza importante.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020