CRTVG

Buscar

O Celta saca petróleo do Bernabeu

Publicado o 17/02/2020 13:41

• Empata 2-2 con goles de Smolov e Santi Mina e sae de descenso

Aos sete minutos, o Celta toma o mando no marcador. Nunha excelente xogada, Aspas intúe o movemento de Smolov, serve cruzado ao ruso e este non dubida; colle uns segundos de vantaxe a Varane, arrastra con el o coiro e define magnificamente.

O Madrid, a remolque, o cal incomoda de máis este equipo, e con Hazard, Benzema e Bale dando picadiñas sen consecuencias. Coma esta de Hazard, con paso de fielato por Benzema, volta a Hazard e pelota na área pequena que Bale medio remata.

Revólvese Zidane, e o Celta dispón dunha oportunidade única. Córner e cabezada monumental de Aidoo, que esixe unha non menos épica parada de Courtois. Un cravo máis na pesada cruz do cero a un que os merengues levan ao descanso.

Á volta, gol do Madrid, con Bale centrando no bico da área. Ramos chegando en carreira remata a gol. Posición ilegal do defensa, que anula a xogada, pero avisa das intencións dos da casa. Consumadas, aquí si, no 52 de partido. Marcelo profunda ata a liña de fondo, pasa atrás, e remata Toni Kroos preciso e limpo coa gubia da súa zurda.

Con Kevin lesionado, Òscar Garcia fai un cambio restando defensas e metendo a Pione Sisto. Un Celta intenso en cada balón, como demostra a colisión de Aidoo con Zidane, non puido evitar o segundo. Os catro defensas celestes aguantan a liña, e unha entrada de Hazard na área acaba con Rubén facendo penalti. Regalo para os brancos, que non desprezan, e marca Ramos dende os once metros.

Quedaban vintecinco minutos, e entra Denis Suárez por Smolov mentres Rafinha recibe o castigo de Bale, que queda sen vermella por decisión arbitral incomprensible. Rafinha estaba sendo o motor celeste.

Velo aí, servindo a Denis Suárez, quen cun pase maxistral deixa a pelota franca para Santi Mina. Resolve excelente o vigués e bate a Courtois. Golazo do Celta, con asistencia e definición impecable, que deixou o partido no dous a dous nunha praza de dificultade extrema.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2020