CRTVG

Buscar

O Celta cae na estrea ligueira diante do Real Madrid (1-3)

Publicado o 17/08/2019 21:05

A arbitraxe e o VAR foron protagonistas


O Real Madrid chegou a Balaídos cun equipo sen novidades con respecto á nefasta temporada anterior. Só cambiou a actitude, a pegada, e tamén a posible axudiña arbitral na acción do 0-1. Parece falta de Casemiro sobre Fernández. O árbitro e o Var ignoran a situación, que tivo continuidade nunha fantástica xogada de Bale cultiminada por Benzema. O outrora defenestrado Bale pereceu un xogador novo. O Celta tivo o balón e tamén ocasións. Ao Touro Fernández faltáronlle milímetros para chegar a un centro.. Con ocos, Bale procurou o 0-2 pero atopouse coa boa intervención de Rubén Blanco.

Antes do intermedio, outra das accións decisivas. A boa presión de Denis combínase co erro groseiro de Odriozola. Gaña o balón Aspas, que practicamente lle agasalla o gol a Brais Méndez. Era o tanto que podía cambiar o partido pero poucos advertiron a sorpresa que tiña gardada o VAR. Hai fóra de xogo de Aspas e polo tanto acción invalidada.

Os primeiros minutos do reinicio foron vibrantes, cun Denis Suárez estelar. Varios pases xeniais coa súa sinatura facilitaron oportunidades claras. Como esta, na que o pase da morte do de Moaña se atopa cun remate de Brais e co corpo de Casemiro para eviar o empate. Denis era imparable. Só o conseguiu Modric coa súa enésima falta, que o VAR nesta ocasión catalogou como merecente do carton vermello directo.

Coa superioridade numérica o encontro virou pero non na dirección que lle interesaba ao Celta. E iso que Araújo acariñou o gol nun testarazo que atopou a resposta de Courtois. Seguidamente, outra das accións decisivas. Kroos conectou desde lonxe un disparo que entrou de xeito espectacular na meta de Rubén. Kroos non marcaba desde o 12 de maio do ano pasado, curiosamente diante do Celta, a súa vítima predilecta.

Co encontro xa finiquitado chegou o terceiro, froito dunha excelente xogada colectiva na que participan Marceloe e Isco e na que Benzema conecta con Lucas Vázquez. O de Curtis define con acerto. Co 0-3 chegou o momento de Iker Losada, que se estreou en primeira e tivo a satisfacción de marcar o gol da honra. Excelente o golpeo superando a todo un Courtois. Alomenos un intre para o sorriso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/08/2019