CRTVG

Buscar

O caso Zamburiña cambalea: a Audiencia tomba as escoitas telefónicas

Publicado o 25/01/2021 20:49
O caso Zamburiña cambalea: a Audiencia tomba as escoitas telefónicas

A Audiencia Provincial de Ourense tombou este luns o auto inicial que derivou nas posteriores gravacións telefónicas da operación Zamburiña, que investiga o presunto trato de favor de policías da comisaría de Ourense a narcotraficantes.

Esas escoitas sustentaron gran parte da investigación desenvolvida por Asuntos Internos á comisaría de Ourense.

Os avogados dos principais acusados destacaron que a decisión do tribunal de anular o devandito auto, de marzo de 2015, provoca que caia por completo a causa aberta contra todos eles.

A Fiscalía, que ve tombada a súa tese, anuncia impugnación. O Ministerio Público terá que determinar que probas se practicarán tras decaer a principal contra os acusados, incluídos os rexistros e a incautación de varios quilos de droga, así como as autoinculpacións.

A maxistrada relatora explicou que "todo o que deriva das escoitas telefónicas determina a nulidade das probas", ao entender que as gravacións se sustentaron en meras "sospeitas".

Neste sentido, pediu un "esforzo" ás partes á hora de "precisar" que probas poden ser "útiles para a causa".

Durante o receso, a avogada que representa o exinspector da unidade de drogas mostrou a súa satisfacción pola decisión da sala de anular o auto, "como mantiña esta parte", e que derivou nunha primeira intervención telefónica "sen ningún dato obxectivo", chocando con dereitos fundamentais.

"A consecuencia de todo isto é que a causa se cae por completo porque non vemos que haxa ningún tipo de proba que poida illarse e separarse desa primeira intervención e sucesivas", sostivo Beatriz Seijo.

Con todo, a letrada, para quen non existe ningunha proba efectiva, agarda aos movementos da Fiscalía, que "ten agora na súa man pelexar ou poder establecer que haxa algunha proba que non estea tinguida ou afectada por esta nulidade".

Considera que non existe ningunha proba que estea "directamente vinculada con esa primeira intervención e, polo tanto, non queda ningunha proba presunta de cargo que poida sustentar a acusación".

Neste sentido, opinou que o xuízo "debería terminar xa", á espera da decisión que adopte a Fiscalía. A Fiscalía, que viu tombada a súa tese, avanzou a súa protesta e a súa intención de solicitar a impugnación.

Os acusados, catro axentes policiais e nove narcotraficantes, enfróntanse a penas que suman en total cen anos por delitos contra a saúde pública, revelación de segredos e omisión do deber de perseguir delitos.