CRTVG

Buscar

Unha anciá dada por morta reaparece en Xove recuperada da covid-19

Publicado o 25/01/2021 16:38

Nesta residencia de Xove, a San Bartolomeu, segue coa súa existencia Roxelia Blanco, de 85 anos, despois da súa particular viaxe ao territorio dos falecidos. Iso é o que crían os seus familiares, que morrera o día 13, entre eles o seu marido Ramón, de 79 anos, tamén internado neste centro da terceira idade.

Todo se debeu a unha confusión lamentable e ás circunstancias que rodean estes tempos pandémicos. Roxelia foi trasladada nunha ambulancia con outra compañeira, Concepción Arias, tamén afectada pola covid−19, a estoutra residencia de Ourense. É o centro Os Gozos, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, onde contan con atención especializada para os enfermos de coronavirus.

Nesa nova residencia, pertencente á Fundación San Rosendo, que hoxe divulgaba este comunicado, entraron no mesmo cuarto coas identidades cambiadas. Unha delas empeorou e a outra recuperouse. Os datos oficiais indicaban que a falecida era Roxelia, pero foi en realidade a súa compañeira. A pandemia supón unha barreira para as visitas de familiares aos enfermos e para os velorios, e o cadaleito chegou a Xove selado, como corresponde a estes tempos. Conflúe outro factor: nin Roxelia nin Ramón teñen fillos que puideran estar enriba do caso.

O cadaleito cos seus supostos restos foi enterrado o 14 deste mes, hai dez días, pero onte a enferma recuperada regresou á residencia de partida, en Xove, e comprobouse que a que deran por morta estaba viva e ao revés respecto á compañeira. Todo fora un erro de identificación, e agora é a familia de Concepción Arias a que está a asumir a súa morte.

Noticias web

25/01/2021