CRTVG

Buscar

O Camiño de Santiago como alternativa á saturación do verán para pasar a ponte da Constitución

Publicado o 05/12/2019 14:35

Os tres días que dura esta ponte da Constitución non son suficientes para facer cen quilómetros do Camiño, pero xuntando algunha xornada máis e abrigándose ben esta pode ser unha boa alternativa para evitar a saturación da ruta Xacobea dos meses do verán. Confírmanolo dous peregrinos de Valladolid, que durmiron nun albergue con só tres compañeiros máis, e que pensan pasar a ponte coa familia en Compostela. Para eles, esta é a súa segunda vez no Camiño, pero durante a mañá atopamos tamén un experto camiñante, que chega logo de 44 días andando desde a súa casa en Valencia e que xa fixo distintas rutas xacobeas en sete ocasións.

O certo é que o mes de decembro é un dos de menos afluencia de peregrinos. Durante esta ponte da Constitución recolleron a Compostela 478 persoas, unha cifra discreta en comparación con outras datas do ano. E mesmo así, en pleno decembro atópanse na ruta historias tan incribles como a dunha parella de Sydney, en Australia, que chega a Santiago despois de camiñar desde Pamplona por un motivo especial: o aniversario número 80 do home, a quen a súa muller preparoulle como agasallo-sorpresa esta viaxe desde as antípodas. "A experiencia é marabillosa, aínda que sufrimos un tempo moi moi frío, cando atravesamos León nevou moito", explica, un frío tamén duro para outro peregrino de Sidney que adora para sempre xa o polbo e que, na súa primeira experiencia, destaca sobre todo o carácter da xente e a quietude do Camiño.

Tamén prevé pasar esta ponte en Compostela aínda que non sexa ponte para el. 5.220 peregrinos dos case 330.000 que nos visitaron o ano pasado procedían de Australia.

Noticias web

05/12/2019