CRTVG

Buscar

Pisan terra en Lampedusa os 83 migrantes que aínda permanecían no Open Arms

Publicado o 21/08/2019 13:17

• Fano dezanove días despois e por orde da Fiscalía italiana, que investiga un posible delito de secuestro trala negativa do ministro do Interior a deixalos desembarcar

O buque Audaz da Armada española partiu cara a Lampedusa

Dezanove días despois, os 83 migrantes que aínda quedaban a bordo do barco da oenegué Proactiva Open Arms desembarcaron finalmente de madrugada no porto de Lampedusa, que tiñan desde había case unha semana a só oitocentos metros de onde estaba fondeado o barco. Pisaron terra por ode da Fiscalía e, antes de facelo e seren identificados pola Policía, entoaron o Bella Ciao, o himno da resistencia antifascista, e lanzaron berros de Boza! en sinal de vitoria. A tripulación levaba tempo avisando de que a situación era explosiva e o Ministerio Público deulle a razón.

O buque deberá permanecer, en principio, un par de semanas en Italia no marco da investigación aberta pola Fiscalía de Agrigento por un posible delito de secuestro para determinar porque non puideron desembarcar antes malia que a semana pasada un tribunal tombou a orde do ministro do Interior, o ultradereitista Matteo Salvini, de que non entraran en augas territoriais italianas. As pescudas non se dirixen contra ningunha persoa en concreto pero a ninguén se lle escapa que Salvini e a súa negativa a abrir os portos ás ONGs está detrás da situación vivida. O Open Arms chegou a ter a bordo 160 migrantes, rescatados cando estaban en risco de afogar.

O Audaz

A decisión xudicial chegaba case ó mesmo tempo de que saíse de Rota un buque da Armada, o Audaz, para recoller e acompañar ós migrantes ata España. A ministra de Defensa amosou a súa satisfacción polo desembarco en Lampedusa e explicou que o Goberno vai agardar a ver como transcorren os acontecementos; foi a resposta que deu Margarita Robles á pregunta de que vai pasar agora co Audaz.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí