CRTVG

Buscar

O "brexit" comeza con retos importantes para Johnson

Publicado o 01/02/2020 23:03

Primeiro día do divorcio do Reino Unido coa Unión Europea. Tras o adeus a Europa a primeira tarefa de Boris Johnson, o primeiro ministro británico, pasa por lograr a unidade entre as distintas posturas da poboación.

A metade dos británicos queren pensar hoxe que xa marcharon e a outra metade queren pensar que están aí. Quedan 11 meses para negociar a futura relación do Reino Unido coa Unión Europea. Os británicos pasan a ser competidores comerciais e tamén un novo actor no panorama diplomático. A axenda política dos vindeiros meses debuxará a folla de ruta para os vindeiros anos.

As imaxes de miles de cidadáns dicíndolle adeus á Unión Europea onte á noite a carón de Westminster, en Londres, abrían unha fin de semana que ofrece algunhas perspectivas para o contraste. Desprazámonos ata Edimburgo, a capital de Escocia, onde se celebraba este sábado unha manifestación para deixar claro que non votaron a favor do abandono do club europeo.

Tamén insistiron en reclamar un novo referendo de independencia, todo un desafío ao que se opón polo de agora Boris Johnson con firmeza.

Por certo, o premier británico deixou gravada unha mensaxe na que apela á esperanza e a usar a soberanía reconquistada para conseguir novas metas colectivas. Johnson non comparecerá en persoa ata o luns. Espérase del un discurso de calado centrado nos retos que ten por diante, desde o acordo comercial coa Unión Europea ata a nova situación en Escocia e Irlanda do Norte.

Aquí, en territorio noirlandés, tamén se fan visibles as protestas. "É un día triste para as persoas que viven a un lado da fronteira e traballan no outro", declaraba en Belfast Declan Fearon, líder das Comunidades Fronteirizas contra o Brexit.

E a todo isto, como se está vivir o divorcio esta sábado na Unión Europea? Charles Michel, o presidente do Consello Europeo botaba man hoxe en Twitter do humor dos Monty Phyton. "Mira sempre o lado bo da vida", unha frase da película "A vida de Brian", é a súa declaración de intencións.

Mentres, a presidenta do Comisión, Ursula von der Leyen, difundía, tamén en Twitter, un artigo publicado conxuntamente en 24 xornais, no que asegura que se esforzarán por manter unha boa relación co Reino Unido e por concretar os acordos pendentes.

Noticias web

01/02/2020