CRTVG

Buscar

O boirense Daniel Alonso García mellor condutor de autocares de España

Publicado o 23/11/2019 20:45

Silleda acolleu o certame para elixir o mellor condutor ou condutora de autocar de España. "É unha cousa que facemos día a día pero cunha persoa que nos está a examinar", comenta María José García Egido, unha das participantes. Ela leva case vinte anos guiando autocares. A experiencia é un grao pero cando se trata dunha competición a presión nunca é a mesma. Un equipo técnico valora as súas habilidades ao volante. Gustoulle a proba de aparcamento pero confesa que o slálom marcha atrás se lle atrancou un pouco. "As referencias son conos, non son vehículos, cousas voluminosas. Son uns conos que se os perdes de vista os levas por diante", asegura.

Avalían a capacidade de anticipación, a precisión, o cálculo de alturas e os coñecementos teóricos. Pero tamén o trato á pasaxe e a delicadeza na condución que se mide cunha pelota e cun prato. " Vemos a suavidade coa que xira o condutor. Cando a pelota cae ao chan son menos puntos. Porque ese condutor sempre vai con pasaxeiros e non poden caer ao chan", explica Gerard Eigenbauer, director xeral do Centro de Formación TECE, que organiza as probas. 

A competición, que gañou o boirense Daniel Alonso García, celebrouse en Silleda, no marco da II Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada. Durante tres días, ExpoBus 2019 congregou máis dun milleiro de persoas relacionadas cun sector que, agora mesmo, demanda condutores profesionais. Ademais, ofreceulles a posibilidade de viaxar ao pasado nunha exposición de autocares clásicos con pezas excepcionais, coma este modelo, da marca Hispano Suíza, único que se conserva a nivel mundial.

Noticias web

23/11/2019