CRTVG

Buscar

O B.O.E. publica o Real Decreto que declara o estado de alarma

Publicado o 15/03/2020 01:47

• A limitación de movementos entrou xa en vigor este domingo

O Boletín Oficial do Estado publicou esta noite o Real Decreto polo que se establece o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A declaración de estado de alarma afecta a todo o territorio español e determina que a duración do mesmo será de 15 días naturais. O Goberno podería prorrogar esta situación, pero xa precisaría do apoio do Congreso dos deputados. O Real Decreto outórgalles carácter de axente da autoridade aos membros das Forzas Armadas.

O Goberno permite que os cidadáns saian das súas casas para facer compras, ir ao médico, ao banco, a coidar dependentes ou a traballar. Pero non se pode saír para ir cear á casa dun amigo ou de ocio. É dicir, calquera atividade xustificada. Non se poderá ir a unha terraza, á montaña ou a unha estación de esquí.

Calquera español que resida no exterior e desexe volver a España poderá facelo sempre que xustifique a súa residencia. Unha vez regrese, terá limitados os seus movementos como calquera outro cidadán.

Introduce tamén algúns cambios e precisións con respecto ao borrador coñecido o sábado. Por exemplo, a suspensión de prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, no seu caso, das prórrogas que se adoptasen.

Sobre o transporte público, dado que nalgúns casos redúcese á metade o número de prazas ofertadas e noutros obrígase a deixar un espazo entre asentos, inclúe cambios no texto orixinal. Prevese, por exemplo, que os operadores de transporte fagan os axustes precisos para cumprir coas novas porcentaxes de prazas a ofertar.

Tras máis de sete horas de xuntanza, o consello de ministros aprobou unha serie de medidas de severa restrición ao movemento de persoas e da atividade económica a partir deste luns.