CRTVG

Buscar

O BNG non percibe "movementos" que motiven un cambio a favor da investidura

Publicado o 23/12/2019 13:22

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou este luns que non houbo polo momento "movementos" suficientes no escenario político que xustifiquen unha viraxe do seu partido en favor da investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

"Non podemos dicir a estas alturas que haxa movementos que nos fagan cambiar as expectativas que temos para esta investidura", trasladou Pontón esta mañá en conferencia de prensa, onde afirmou que a posición do partido no futuro debate dependerá "das negociacións destes días".

En calquera caso, a dirixente nacionalista afirmou que non permitirán "que Galicia siga ninguneada por parte do Estado" e que traballarán para cambiar "o guión" que este territorio xoga no panorama político estatal.

Se se confirma que o Goberno central está disposto a apoiar unha axenda galega, engadiu Pontón, o BNG estará coa "man tendida" para a investidura, mentres que rexeitará calquera executivo que  persevere na "discriminación" actual. 

O BNG di que ten a man tendida para se entender coas outras forzas de esquerda, pero que non valora os seus propios movementos internos porque está centrado en ofrecer un proxecto sólido para Galicia nesas eleccións autonómicas.

"Nesa liña levamos traballando no BNG nos últimos tempos, fortalecendo o proxecto de futuro para este país, que para nós é o do BNG, e nesa liña imos seguir traballando coa man tendida para toda a xente que queira compartir ese camiño", dixo a voceira nacionalista, Ana Pontón.