CRTVG

Buscar

O Barça segue como líder sólido despois de derrotar o Eibar 3-0 no Camp Nou

Publicado o 14/01/2019 10:31

En primeira, o Barcelona segue como líder sólido. Onte derrotou por 3-0 un Eibar que estivo valente no Camp Nou. Pero Luis Suárez e Leo Messi acabaron co valado defensivo dos de Mendilibar.

O Barcelona derrotou o Eibar no Camp Nou pola maior calidade individual das súas estrelas. Os vascos saíron valentes, presionando moi arriba e sen deixar pensar aos culés. Pero no 19, Busquets atopou un oco entre os xogadores de Mendilibar e entre Coutinho, titular, e Luis Suárez fixeron unha parede dobre que rematou en gol do uruguaio. Gran xogada ao primeiro toque.

Malia o gol, o Eibar seguiu coa mesma idea, Sergi Enrich rematou desviado o centro de Peña. Cando morría a primeira metade, Coutinho caeu ante Riego dentro da área, Gil Manzano non sinalou penalti e o VAR non o chamou para revisar esa acción.

Co 1-0 chegouse ao descanso e o Barcelona resolveu en seis minutos. No 53, Luis Suárez rouboulle o balón a Arbilla, abriu para Coutinho, que lla devolveu ao dianteiro, e este deixouna para Messi. O arxentino fixo un cambio de ritmo brutal para acadar o seu gol número 400 na liga. En 435 partidos, case un tanto por encontro.
A continuación, Riesgo salvou ante Suárez; logo foi Messi o que estrelou o balón no corpo do porteiro... o gol do Barcelona víase vir e chegou no 59. Sergi Roberto estivo pícaro, sacou rápido de banda e colleu o Eibar descolocado, Luis Suárez resolveu co exterior.

E co 3-0 o partido baixou o ritmo, o Eibar seguiuno intentando, tivo ocasións pero non demasiado claras e sumou a sexta xornada sen gañar. Teñen tres puntos de vantaxe sobre o descenso, o Barcelona continúa sólido no liderado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2019