CRTVG

Buscar

O banco de leite do hospital de Santiago fai tres anos

Publicado o 28/08/2019 14:43

O banco de leite materno de Santiago fixo esta primavera tres anos. Nese tempo, 226 nais entregaron altruistamente un total de mil douscentos litros para atender bebés das áreas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

"Para ser doadora, o principal é que a nai sexa unha muller sa e que teña excedente de leite. Por iso, recomendamos esperar a que o neno teña un mes de vida para calibrar a produción. Daquela facemos a enquisa, unha analítica e explicamos todo o procedemento. A maioría das mulleres pode doar", di Diana Luque, matrona do banco de leite.

A nai doadora extrae o leite e conxélao na casa. Chama a atención que a metade deste leite proceda de doadoras de Ferrol. No hospital pasteurízase e fanse os controis precisos, porque os principais receptores son bebés prematuros.

"O leite materno é importante para calquera neno, sexa prematuro ou non. Prevén todo tipo de enfermidades infecciosas e tamén a diabetes, a obesidade e a asma", di Diana.

Máis de 250 nenos beneficiáronse ata agora do leite depositado neste banco.

"Para nós é moi importante abastecer eses rapaces e traballar coas nais de nenos receptores, porque están moi vulnerables por parir antes de tempo. Nos dedicámoslles tempo a animalas e adestralas para que consigan a súa propia lactación. O principal obxectivo é que os nenos mamen das súas nais", relata esta matrona.

A nai dun bebé prematuro acaba de deseñar unha chapa como homenaxe ao altruísmo das doadoras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/08/2019