CRTVG

Buscar

O bambán coas mellores vistas do mundo está na Ribeira Sacra

Publicado o 03/07/2020 15:41

A caída das vendas de viño na Ribeira Sacra, derivada do peche da hostalería por causa do coronavirus, levou moitas adegas a ter que buscar fórmulas alternativas para manter os seus negocios. Foi o que fixeron nesta adega de Doade, en Sober, onde está o que xa é considerado nas redes o bambán máis bonito do mundo.

Aínda que leva dez anos pendurada, é agora cando esta randeeira se está a facer coñecida en toda España polas súas espectaculares vistas ao canóns do Sil. O seu dono estaba farto de que lle romperan pólas, vidreiras e soportes os curiosos que acudían randearse sen avisar así que decidiu regular as visitas e darlle un aproveitamento turístico. Agora xa recibe visitantes dende lugares tan afastados como Murcia.

Por só 15 euros, os visitantes poden ademais de arrandearse, levar unha botella de viño, coñecer o traballo coas videiras e as diferentes castes de uva que se utilizan. A randeeira está pendurada dunha aciñeira de 200 anos, unha árbore pouco común nesta zona. O propietario cre que as adegas tenderán cada vez máis a prestar servizos turísticos para aproveitar o potencial dos viñedos, eso si, con todos os coidados. 

Igual que o banco situado en Redondela, a randeeira de Doade xa se está a converter nun enorme reclamo para os turistas grazas, sobre todo, ás redes sociais.

Noticias web

03/07/2020