CRTVG

Buscar

O avogado de Puigdemont, en liberdade sen medidas cautelares tras declarar por branqueo de capitais

Publicado o 23/10/2019 14:14

A xuíz da Audiencia Nacional María Tardón non impuxo medidas cautelares a Gonzalo Boye, avogado de Carles Puigdemont e de Quim Torra, tras interrogalo como investigado por branqueo do narcotráfico na causa de Sito Miñanco, do que ata hai dúas semanas era o seu defensor.

Segundo informou o propio Boye aos xornalistas á saída da súa declaración, que se prolongou tres cuartos de hora, Tardón rexeitou impoñerlle as comparecencias quincenais que pedira para el a Fiscalía.

"Non teño nada que ver co branqueo de capitais, e a súa Señoría non me impuxo ningunha medida cautelar, malia que seguirá a investigación porque se me clonou o teléfono móbil e o correo elctrónico. Ela considera que non hai razón para limitar o meu exercicio profesional e os meus movementos, e nese sentido estamos moi contentos", dixo o avogado.

Boye está imputado nunha peza separada por branqueo derivada da causa que se segue contra o narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, detido en 2018, e na que se investiga se o avogado axudoulle a branquear uns 900.000 euros que lles foron intervidos a tres cidadáns colombianos no aeroporto de Madrid.

Un ano antes da nova detención de Sito Miñanco foron interceptados no aeroporto de Madrid 889.470 euros que levaban membros da organización ocultos en dobres fondos de mochilas cando se dispoñían a viaxar a Bogotá (Colombia).

Noticias web

23/10/2019