CRTVG

Buscar

O autor do crime de Ponte Caldelas declárase culpable e pide "cero piedade"

Publicado o 14/10/2019 20:56

Hoxe comezou na Audiencia de Pontevedra o xuízo polo chamado crime de Ponte Caldelas. O fiscal pide para Marcos Vidal 20 anos de cárcere por asasinar a coiteladas o marido dunha muller coa que el dicía ter unha relación. Chamou a muller do agredido para que o oíse agonizar ao teléfono e mesmo lle mandou unha foto do morto. Hoxe recoñeceu todos os feitos e pediu que o condenasen canto antes.

Dixo que era culpable e que contestaría todas as preguntas. Pero, para sorpresa do seu avogado, cambiou de idea nada máis empezar o xuízo. Marcos Vidal non quixo interrogatorio. Dixo que non quere clemencia e pide que o condenen canto antes.

"Levo catro anos agardando que me xulguen e poder cumprir a condena tranquilo. Que máis vou declarar, se eu non quero que esa xente teña piedade de min. Eses pais necesitan xustiza. Morreulles un fillo. Eu pediría o mesmo, que encarcerasen esa persoa ou que a fusilasen".

Segundo confesou, en novembro de 2015 Marcos Vidal foi á casa de Manuel Rivas, un home casado cunha muller coa que Marcos dicía ter unha relación. Alí asestoulle ao menos 15 coiteladas. Logo chamouna a ela para que oíse agonizar o seu home e para dicirlle que fose limpar a casa de sangue. Despois, mandoulle unha foto do morto. O acusado avisou o 112 e entregouse á Garda Civil. O seu avogado non pide a absolución pero si certas atenuantes.

A viúva, que tamén estivo investigada, nega que tivese unha relación co acusado. Dixo que el a acosaba e a ameazaba continuamente e que se creou expectativas falsas con ela. A muller mesmo consultou coa policía pero dixo que lle desaconsellaran denunciar por falta de probas.

O fiscal pide para Marcos Vidal 20 anos de cárcere por asasinato, 130.000 euros de indemnizacións e a prohibición de achegarse á viúva en 25 anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí