CRTVG

Buscar

O arcebispo de Santiago presenta o Ano Santo Compostelán 2021 cun chamamento para conseguir a visita do Papa

Publicado o 17/12/2019 15:22

O arcebispado de Santiago presentou o Ano Santo Compostelán 2021. A proposta é a dun ano milenial, con iniciativas virtuais que permitirán facer o Camiño física e dixitalmente. Julián Barrio apelou ao Goberno e á Casa Real para conseguir a visita do Papa a Galicia nesa data.

É a presentación do Ano Santo Compostelán 2021. O Pórtico da Gloria invita a achegarse a Santiago e abre as portas da catedral. Na súa carta pastoral, o arcebispo de Santiago defende a identidade do ano xubilar: "Urxe unha lectura católica da peregrinación a Compostela, do Camiño de Santiago", dixo Julián Barrio.

No programa cultural, O Camiño da beleza ten pechados tres concertos na catedral para finais de 2020. A música litúrxica será inédita e galega. Sobre a visita do Papa, de momento, non hai novidades.

O arcebispo de Santiago explicou que "o presidente do Goberno, co visto e prace da Casa Real, ten que transmitir a invitación á Santa Sede, o noso está feito".

No ano xubilar 2021, as redes cobran protagonismo. Canda a páxina web anosantocompostelán, haberá aplicacións cos tempos de espera para recoller a compostela e con guías espirituais do Camiño.

Noticias web

17/12/2019