CRTVG

Buscar

O aplanamento da curva de contaxios xa se traduce en menos ingresos en planta

Publicado o 04/02/2021 19:46

O CHUAC pasa de 50 a 30 ingresos diarios

A curva dos contaxios aplánase en Galicia e hai confianza en que se consolide a tendencia ao descenso. Pero a incidencia segue sendo demasiado alta; moi por riba da media nas áreas sanitaria da Coruña e Ferrol. Son as que teñen maior presión hospitalaria, pero xa comezan a notar un descenso dos ingresos.

 "Viñamos de ata 50 ingresos diarios e agora, ao haber menos contaxios, estamos estabilizados en 25 ou 30 ingresos por día... A presión das UCI aínda está moi moi alta" asegura a doutora Carolina Martínez, hematóloga do CHUAC.

A área sanitaria de Ourense é, despois da da Coruña e a de Ferrol a que ten unha maior incidencia da covid. Pero tamén a que está mostrando unha mellor evolución nas últimas xornadas. Leva seis días cunha caída dos casos, todo indica que podería estar dobregando a curva, e iso xa se nota nos hospitais.

"Paulatinamente estase a reducir o número de ingresos e son claramente compensados xa co número de altas. Desgraciadamente moitas destas altas son por falecemento", explica o xerente da área sanitaria.

Para preservar a saúde dos máis débiles o xerente da área sanitaria pide manter o esforzo no cumprimento das restricións. "Nesta provincia en que o Entroido é relixión temos que facer un chamamento á concienciación, máis se cabe estes días, para evitar xuntanzas entre non conviventes", pide Félix Rubial.

É o único xeito, asegura, de evitar gromos moi difíciles de controlar e máis sufrimento agora que se comeza a dobregar a curva da terceira vaga da covid.

Noticias web

04/02/2021