CRTVG

Buscar

O Alondras non sabe se poderá xogar o partido de volta ante o Mensaxeiro

Publicado o 21/05/2019 21:28

Esta tarde tamén conversamos con catro representantes dos equipos galegos que disputarán a fase de ascenso á segunda B. Compostela, Alondras, Bergantiños e Rácing de Ferrol afrontan con cautela e moi esperanzados as súas eliminatorias.

Os clubs fan as súas contas, especialmente o Alondras, que deberá desprazarse ata as Palmas.

"Temos un grave problema e prexuízo económico con este desprazamento que estamos tentando organizar para volta e a ver se somos capaces de conseguir o presuposto suficiente para irmos á illa da Palma alá onde queda xogar ese partido de volta", anuncia Luis Guimeráns, presidente do conxunto de Cangas. 

O Bergantiños emparellouse co Covadonga de Oviedo, os de Carballo queren ver se á terceira vai á vencida, como sinala Luis Cendán, o secretario do club: "No sorteo tivemos un pouquiño de sorte no aspecto de que o rival está preto de Galicia co cal o transporte é máis fácil de facer e logo o equipo ten moitas ganas, son xente que leva xa varios anos xogando a promoción".

A priori o rival máis complicado será o dos ferroláns, que se medirán co Xaén. Xosé Criado prognostica unha eliminatoria moi competida: "Unha eliminatoria moi aberta, non cabe dúbida de que o Xaén ten un grande equipo pero eu confío moito no meu equipo, nos meus xogadores, están nunha dinámica moi boa e, repito, vai ser unha eliminatoria moi axustada pero eu espero que o Rácing sexa quen de vencer".

E o Compostela tócalle viaxe a Vitoria para se enfrontar ao filial do Alavés. "O primeiro partido tócanos fóra, o equipo está moi moi forte, está moi animado e con moitas ganas de xogar ese partido e gañalo", recoñece Carlos Rodríguez, secretario xeral dos santiagueses.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019