CRTVG

Buscar

O alcalde do Incio pedirá un cribado masivo tras os 69 contaxios na residencia

Publicado o 20/08/2020 13:18
O alcalde do Incio pedirá un cribado masivo tras os 69 contaxios na residencia

O alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo (PP), confirmou que lle pedirá a Sanidade a realización dun "cribado masivo" para detectar casos activos de covid-19, tras coñecerse este xoves un gromo que afecta 65 usuarios da residencia de maiores desta localidade lucense.

Así o trasladou despois de recoñecer que está "sorprendido" polo gran número de casos nesa residencia, onde tamén están afectados catro traballadores.

En todo caso, e dada a magnitude do gromo no centro xeriátrico, Héctor Manuel Corujo sinalou que, ademais de manter as medidas de prevención xa implementadas, o Goberno local está a valorar a suspensión de certos "servizos sensibles", como o servizo de axuda a domicilio.

Así mesmo, solicitaralle a Sanidade a realización dun "cribado masivo" para detectar posibles contaxios na vila ou, polo menos, probas para os familiares dos usuarios e traballadores da residencia afectada.

O rexedor do Incio sinalou que "aínda se está investigando" a orixe dese importante gromo, xa que "non hai casos positivos, que se saiba, na vila".

De feito, apuntou que, nas últimas horas, cando se fixo público que un traballador da residencia era positivo en covid-19, "houbo certo nerviosismo" na localidade, e algúns veciños sometéronse a probas PCR "de forma particular e privada". "Pero todos deron negativo", sinalou.