O alcalde do Carballiño retira as competencias a un concelleiro por crear unha lista alternativa
Celébrase no Carballiño o primeiro pleno despois de que o alcalde socialista Paco Fumega retirase as competencias ao seu concelleiro Adolfo Nogueira. Un pleno ao que asiste Pachi Vázquez. O alcalde asegura que perdeu a confianza nese concelleiro tras saber que estaba a confeccionar unha lista alternativa ao PSOE para as eleccións municipais.
Inusual expectación no pleno que arestora se celebra no concello do Carballiño. E é que se fixo efectivo: o alcalde retiroulle todas as competencias ao seu concelleiro Adolfo Nogueira tras saber, asegura Paco Fumega, que está creando unha lista alternativa á do PSOE para as eleccións municipais.
O que era tamén voceiro do grupo de goberno do Carballiño nega que se vaia presentar ás municipais con outro partido e di que este cesamento forma parte da purga que a dirección provincial e galega do PSOE está a facer cos socialistas que apoiaron publicamente a Pachi Vázquez, hoxe presente no pleno, tras a súa baixa do partido.
Noutro concello onde os socialistas afíns a Pachi Vázquez e os oficialistas están enfrontados, en Maceda, o PSdeG acaba de constituír unha xestora co fin, din, de reforzar o partido neste muncipio.