CRTVG

Buscar

O alcalde de Monforte avanza que o gromo superou os 100 casos activos

Publicado o 27/08/2020 13:40
O alcalde de Monforte avanza que o gromo superou os 100 casos activos

O alcalde do municipio lucense de Monforte de Lemos, o socialista José Tomé Roca, avanzou este xoves que o gromo de coronavirus detectado no centro urbano da localidade supera xa os "100 casos activos".

"A situación é de preocupación, aínda que os contaxiados son todos asintomáticos, a inmensa maioría menores de 30 anos", puntualizou Tomé á prensa.

O rexedor monfortino tamén confirmou que "non hai ingresados en relación con este gromo", aínda que si hai un paciente no Hospital Comarcal de Monforte proveniente da residencia de maiores do Incio.

Tomé indicou que "neste momento están a facer probas en establecementos de hostalaría da zona centro", algo do que se decatou "por parte dos propios hostaleiros" que recibiron as citacións do Sergas "telefonicamente" en que tamén lles pedían "pechar os locais" ao público.

Por este motivo, o alcalde de Monforte solicitou unha "maior fluidez na comunicación" por parte da Consellería de Sanidade, algo que xa lle trasladou persoalmente o pasado venres ao propio conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña.

"Informar é positivo para todos, porque non hai nada que esconder: os positivos son os que son", advertiu Tomé.

O rexedor monfortino avanzou, así mesmo, que, segundo os técnicos, "o pico de contaxios se alcanzará a finais desta semana ou principios da próxima" e, a partir dese momento, "empezarán a baixar os casos".

"O mellor é que as ramificacións do gromo están localizadas e son todas do mesmo ámbito, entre a rúa Duquesa de Alba e outros barrios da zona centro", relatou Tomé.

"É un certo alivio que non estea distribuído por outras zonas da cidade", engadiu.

O alcalde monfortino tamén aproveitou para pedir "responsabilidade" aos veciños e lembrar as medidas de prevención que é necesario gardar en situacións como a actual.