CRTVG

Buscar

O alcalde de La Nucía, do PP, vacinado contra a covid-19

Publicado o 17/01/2021 20:40

O Día de Reis, o alcalde de La Nucía e deputado do PP, Bernabé Cano, recibiu a primeira dose da vacina contra a covid-19 xunto ao concelleiro de Sanidade, Manuel Alcalá. Ningún forma parte dos grupos de risco establecidos como prioritarios na estratexia de vacinación.

Desde o PP de Alacante aseguran que isto non ten nada que ver con outros xestos insolidarios e explican que aceptaron a vacina porque os dous son profesionais sanitarios. O alcalde é médico de profesión e o concelleiro exerce como ATS no centro de saúde. A oposición responde que Cano está en excedencia e que non pode exercer como médico.

Pepa Ivorra, concelleira do grupo socialista: "Non lle tocaba, non tocaba vacinarse, non está dentro das primeiras vacinacións nin da primeira fase da vacinación, o que pedimos, sobre todo, é unha explicación".

Os populares anunciaron a apertura dun expediente informativo. O PSOE tamén lles abriu expediente aos tres alcaldes valencianos que incumpriron as quendas de vacinación, aos que ademais suspendeu de militancia cautelarmente.

Todos alegan que se trata de doses sobrantes, argumento utilizado polo alcalde de Ruidoms, en Tarragona, militante de Junts per Catalunya, que tamén se vacinou indebidamente.

Sanidade vai investigar que se fai cos viais sobrantes xa desconxelados e se nalgúns centros se abren para inxectar persoas non incluídas nos grupos prioritarios.

Noticias web

17/01/2021