CRTVG

Buscar

O adianto electoral de Johnson supera o primeiro trámite parlamentario

Publicado o 29/10/2019 21:14

O Parlamento británico deu este martes o seu apoio preliminar á celebración dunhas eleccións xerais anticipadas no Reino Unido o próximo decembro, como propuxo o primeiro ministro, o conservador Boris Johnson. Sen necesidade de someter o proxecto a votación, os deputados deron o seu asentimento para continuar tramitando unha lei que permitirá ao Goberno chamar ás urnas de maneira excepcional sen o requisito de contar co apoio de dous terzos da Cámara dos Comúns.

A Cámara Baixa debaterá agora a data deses posibles comicios -o Goberno prefire o 12 de decembro e a oposición o 9 dese mes- antes de votar máis tarde se outorga o seu apoio definitivo á proposta. En caso de recibir o visto e prace dos Comúns, como se espera, a lei pasará entón á Cámara dos Lores. As principais formacións da oposición, incluído o Partido Laborista, mostráronse favorables a celebrar unhas eleccións antes do próximo Nadal.

O Parlamento bloqueou en tres ocasiones os intentos do primeiro ministro de convocar unhas eleccións, pero nesta ocasión o Goberno optou por unha vía alternativa que aumenta as súas posibilidades de éxito, ao esixir unicamente unha maioría simple para que os seus plans reciban o visto e prace.

O Partido Liberal Demócrata e o Partido Nacionalista Escocés (SNP), cuxos votos serían suficientes para facer prosperar os plans de Johnson, avanzaran xa o seu apoio ás eleccións e esta mañá sumou o seu apoio o Partido Laborista, primeiro da oposición. Segundo unha enquisa divulgada esta semana pola firma YouGov, os conservadores gañarían uns comicios co 36 % dos votos, seguidos polos laboristas (23 %), os liberaldemócratas (18 %) e o eurófobo Partido do Brexit (12 %)

Tras fallar o luns o primeiro intento, Boris Jonhson podería saír coa súa e conseguir o adianto electoral. Dentro duns minutos, o Parlmento británico volve votar pero desta volta é suficiente a maioría simple. O lidér laborista xa anunciou que apoiarían o adianto porque desapareceu a ameazar dun brexit sen acordo.

No debate previo á votación, o primeiro ministro Boris Jonhson insistiu na necesidade de convocar eleccións para evitar a paralise parlamentaria.

Boris Johnson: "Só hai un xeito de restablecer a estima en que se apoia a nosa democracia e recuperar o respecto do pobo deste país polo parlamento e iso é finalmente ofrecernos ao xuízo da xente".

Para conseguilo, Boris Johnson decidiu deixar a tramitación do acordo sobre o Brexit para despois das eleccións. O líder laborista Jeremy Corbyn xa anunciara horas que estaba dacordo con adiantar a cita coas urnas porque, tras a prórroga concedida pola UE, quedaba descartado cun brexit sen acordo.

Jeremy Corbyn: "Os laboristas apoian as eleccións porque queremos que este país se desfaga deste Goberno conservador imprudente e destrutivo".

Johnson negociou cos oposición a posibilidade de que os comicios se celebren o 11 de decemebro e non o 12, como propuxo inicialmente.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/10/2019