CRTVG

Buscar

Un acusado de tentativa de homicidio e a súa vítima acúsanse mutuamente

Publicado o 03/10/2019 14:20

Todo aconteceu a finais do mes de outubro do ano pasado. O que ía ser unha noite de esmorga entre dous amigos rematou traxicamente. Despois de varias horas consumindo alcol e estupefacientes, ambos os dous acabaron de madrugada na casa do acusado, no barrio ourensán da Ponte. Discutían por unha débeda de cinco euros e un teléfono móbil nas escaleiras interiores do edificio cando, segundo relata o Ministerio Fiscal, o acusado, aproveitando a intervención da súa nai para separalos, cravoulle un coitelo no abdome ao seu amigo. Atravesoulle o fígado e seccionoulle a vesícula biliar. Segundo apuntaron os forenses durante o xuízo, a lesión sería mortal de necesidade se non chega a recibir atención médica inmediatamente despois da agresión. Impútanlle un delito de tentativa de homicidio e piden para el cinco anos de cadea.

A nai sentaba hoxe tamén no banco dos acusados. Asegura a fiscalía que non só non lle prestou axuda á vítima, que tivo que baixar as escaleiras e chamar o 112 dende a rúa, senón que, ademais, pechou a porta da casa, non deixou entrar os axentes despois de deter o seu fillo e limpou toda pegada de sangue que había na vivenda. A ela impútaselle un delito de omisión de socorro, sancionado cunha multa de oito euros ao día durante oito meses.

O Ministerio Fiscal solicita, ademais, que ambos os dous acusados indemnicen solidariamente a vítima con 19.500 euros polas secuelas que padeceu e polos 24 días que estivo ingresado no hospital.

 

Noticias web

03/10/2019