CRTVG

Buscar

O acusado de obrigar estranxeiras a prostituírse alega que o facían voluntariamente

Publicado o 19/11/2019 13:36

Catro veciños de Lugo sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial polos delitos de prostitución, tráfico de seres humanos e contra os dereitos dos traballadores. Son a parella que rexenta o club de citas e as presuntas encargadas do local en que traballaban dúas das denunciantes.

Segundo o escrito do fiscal, os acusados obrigaban a prostituírse as mulleres e sometíanas a todo tipo de vexacións. As vítimas, mantén o Ministerio Fiscal, vívían nunhas condicións de extrema dureza, pasaban días sen comer e non contaban nin con calefacción nin auga quente. Ao parecer, en dúas ocasións foron mesmo agredidas fisicamente polas encargadas do local. A súa situación destápase tras unha redada policial no establecemento.

Durante a súa declaración, os acusados negaron calquera tipo de contrato laboral coas vítimas, e só recoñeceron o cobro diario de dez euros en concepto de pensión completa no establecemento. Manifestaron que as mulleres entraban e saían con liberdade, negando as ameazas e cobro de sancións si abandonaban o club, como consta na denuncia das vítimas.

A defensa vai solicitar a libre absolución. Asi o manifestou o avogado César Lodos: "Non hai probas de cargo contra eles e creo que teñen que ser absoltos".

Os donos do establecemento enfróntanse a unha pena de dez anos de prisión cada un polos delitos de prostitución e contra os dereitos dos traballadores. Para unha das presuntas encargadas a pena que se solicita é maior de 15 anos de prisión xa que tamén está acusada dun delito de tráfico de seres humanos. Dáse a circunstancia de que é curmá dunha das denunciantes. Para a cuarta acusada a pena que solicitan é de oito anos e medio de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019