CRTVG

Buscar

O acusado de intentar matar a súa ex-parella en Ribeira alega que levaba o coitelo para autolesionarse

Publicado o 04/11/2019 14:20

E na Audiencia Provincial da Coruña comezou o xuízo contra un home acusado de intentar matar a súa ex-parella, en Ribeira, en agosto de 2018, cravándolle un coitelo no pescozo. A fiscalía pide para el dez anos de cadea. Na vista oral, o investigado declarouse inocente. Dixo que agardara a vítima na rúa para pedirlle que retomasen a relación e que lle axudara co seu problema co alcol e as drogas. En canto ao coitelo, explicou que o levaba para autolesionarse se lle dicía que non.

Inocente. Así se declarou o acusado, que unicamente respondeu as preguntas do seu avogado. Explicou que o día de autos, o 25 de agosto do ano pasado, contra as oito da mañá, achegouse ás inmediacións da casa da súa ex-parella e que cando baixou á rúa, pediulle retomar a relación e que o axudara co seu problema coas drogas e o alcol. Engadiu que, en canto se negou, sacou un coitelo para autolesionarse, pero que ela se abalanzara sobre el, que collera o coitelo e que foi cando se cortou. Negou dirixir o coitelo cara a muller e mesmo intentar cravarllo. Asegurou que de querer facelo, podería facelo noutras ocasións, como cando quedaron a soas no apartamento dela semanas antes.

Porén a versión da vítima é ben distinta. Dixo que nun primeiro momento non o recoñeceu porque ía completamente tapado e que, sen mediar palabra, agarrouna directamente polo pescozo, moi forte, sacou o coitelo e que ía cravarllo no pescozo. Porén para evitar a agresión, dixo que ela mesma agarrara a arma coa man. Tamén puido berrar e foi escoitada por varios veciños. Uns veciños que esta mañá declararon no xuízo. Un deles explicou que ao escoitar berros de auxilio saíu á ventá e viu unha parella forcexando. Contou que non lle deu demasiada importancia ata que viu o coitelo e asegurou que polos movementos que facía o home pareceulle que llo quería cravar. Daquela comezoulle a berrar e díxolle que xa chamara a Policía. Foi aí, cando o procesado fuxiu correndo.

A fiscalía acúsao dun delito de intento de homicidio e pide para el dez anos de cadea. Está previsto que o xuízo continúe mañá.


 

Noticias web

04/11/2019