CRTVG

Buscar

O acusado de acoitelar a súa ex-parella en Santiago en 2017 di que non se acorda de "como pasou"

Publicado o 30/09/2019 11:39

"Dinlle, si, cunha navalla. Pero non lembro cantas puñaladas". Deste xeito, o acusado recoñecía parte dos feitos polos que é investigado. Dixo tamén que nunca tivo na cabeza facerlle dano á súa parella, pero que o Día de Autos, a véspera do Apóstolo de hai dous anos, non sabe que lle pasou. Porén negou que a ameazara, insultara e mesmo golpeara durante os dous anos que conviviron. "Durante a relación sentimental vostede nin a insultou, nin a humillou nin a golpeou... Non é verdade? 'Non'".

Porén a vítima explicou que durante os dous anos de convivencia, as ameazas, os insultos e mailos golpes eran constantes. Chegou a declarar que non lembraba o día en que non mallaba nela, sobre todo, cando non levaba cartos á casa ata que o abandonou e volveu coa súa familia.

Explicou tamén que tras a ruptura, o procesado insistiu en que volvera con el. Ante a súa negativa e a da súa familia, dixo que chegou a ameazala en varias ocasións ata que o 24 de xullo de 2017 á tarde a atacou cunha navalla cando estaba tombada no asento traseiro do coche dun familiar. "Díxome que prefería verme morta a verme con outro"

"Despois do primeiro mes comezou a ... E o día dos feitos pasou algo moi grave. Intentou matala asestándolle vinte puñaladas", di Eduardo Mazaira, avogado da acusación particular. 

Polos delitos de asasinato en grao de tentativa, maltrato habitual, lesións e amezas, as acusasións piden para el case 21 anos de cadea. A fiscalía solicita amais unha indemnización de 100.000 euros, a acusación particular elévaa aos 150.000.
Pola súa banda, a defensa explica que non concorren as circunstancias para tratar os feitos como un intento de asasinato e nas súas peticións provisionais solicita a libre absolución.

Está previsto que o xuízo continúe mañá.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí