CRTVG

Buscar

O acusado de abusar dunha menor en Lugo asegura que "xamais usou a forza"

Publicado o 07/11/2019 13:11

Un veciño de Lugo sentou no banco dos acusados da audiencia provincial de Lugo por un presunto delito de agresión sexual a unha menor e por detención ilegal. Segundo o escrito da fiscalía, o acusado ameazou a menor cunha pistola e retívoa no seu coche en contra da súa vontade.

A vista comezaba coa petición de Fiscalía e acusación particular de que se supendese o xuízo, ao non presentarse a vítima. A defensa do acusado pediu a nulidade, pero o tribunal decidiu continuar coa sesión.

Os feitos que se xulgan remontanse ao 2014, cando a vitima tiña 14 anos, pero a denuncia non se presentaba ata dous anos depois, tras o presunto episodio das ameazas cunha pistola. O acusado, que só respondeu ás preguntas da súa avogada, negou todos os feitos, recoñeceu que si mantivera relacións coa adolescente, pero consentidas, e dixo que nunca empregara a forza coa menor. A Fiscalía e acusación manteñen a petición de 16 anos de prisión.

Así o manifestaba Eva María Soilán, avogada da acusación particular: "Unha pena polo delito de detención ilegal de tres anos, e unha pena de 13 anos de prisión polo delito de agresión sexual".

Tamén declaraba a nai da vítima, que dixo que descoñecía o paradoiro da súa filla, e que soubera da suposta agresión sexual o día que a menor declarou ante a policía.

Noticias web

07/11/2019