CRTVG

Buscar

O acuario da Coruña reabre o luns

Publicado o 06/06/2020 20:44

A Casa dos Peixes da Coruña rexistrou o ano pasado 212.000 visitas. O museo con máis público de Galicia reabre o luns.

Para garantir a distancia social espazarán a entrada da xente, que ademais terá que facer unha reserva previa na páxina dos Museos Científicos Coruñeses ou por teléfono e levar máscara durante a visita.

O Museo trazou un itinerario para facilitar a fluidez dos visitantes, desinfectou as instalacións e reforzou os servizos de limpeza.

Será posible visitar todos os espazos interiores e exteriores, pero como houbo que inhabilitar os elementos interactivos baixaron o prezo da entrada de dez a catro euros.
Ao longo do día xa lles foron chegando as primeiras reservas.

Os outros dous museos científicos da Coruña, a Domus e a Casa das Ciencias, esencialmente interactivos, seguirán pechados de momento.

Noticias web

06/06/2020