CRTVG

Buscar

O acordo do 'brexit', "esencialmente imposible", segundo Londres

Publicado o 08/10/2019 19:26

As negociacións entre Londres e Bruxelas están máis preto que nunca de descarrilar. O último detonante foi a conversa telefónica entre Boris Johnson e Angela Merkel. Segundo unha fonte de Downing Street, a chanceler díxolle ao primeiro ministro que o único acordo posible pasa porque Irlanda do Norte permaneza dentro da unión aduaneira tras o brexit. A condición contradí o punto fundamental da última proposta de Johnson e cruza unha das liñas vermellas dos seus socios do Partido Unionista, que tacharon a esixencia de Merkel de loucura.

Así, e segundo a mesma fonte, o goberno británico considera esencialmente imposible chegar a un acordo antes do 31 de outubro, data do brexit. Este martes comezaron a distribuír entre empresas, comerciantes e transportistas un documento sobre os preparativos para o caso dun divorcio sen pacto.

A Comisión Europea minimiza o desencontro. "Non vexo como poderían estar rotas unhas conversas que aínda se celebraron hoxe e seguirán nos vindeiros días", explicaba unha voceira comunitaria.

Pero a mensaxe en Twitter do presidente do Consello Europeo é elocuente: Donald Tusk dille a Johnson que non se trata de gañar un estúpido xogo de botar as culpas e repróchalle que non queira un acordo, pero tampouco pedir unha prórroga nin revogalo. E remata preguntándolle en latín, "cara a onde vas?".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019