CRTVG

Buscar

O acordo con ERC facilitará a sexta prórroga do estado de alarma

Publicado o 01/06/2020 19:56

O Goberno sacará adiante este mércores outra prórroga do estado de alarma con menos apuros que na última votación. Esquerra leva os seus 13 votos do non á abstención. Os republicanos celebran un acordo que reactiva a mesa de diálogo e volve irrelevante o voto de Ciudadanos.

Marta Vilalta, voceira de ERC, celebra que sexa "unha mesa que non queremos que sexa interferida polas decisións de Ciudadanos".

Os de Inés Arrimadas seguen negociando: decidirán en función dos criterios sanitarios e de que non haxa discriminacións entre comunidades. O Goberno non ve motivos para que rectifiquen os seus últimos 5 apoios.

José Luis Ábalos, ministro de Tranportes, cre que "se nos cinguimos estritamente ao ámbito dunha desescalada ordenada, harmonizada e co propósito de velar pola saúde pública, non vexo que cambiase a situación nin as razóns daquel apoio".

Segundo Edmundo Bal, voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso, "Ciudadanos vai decidir o seu voto pensando na política útil, en ser partido de centro, no interese xeral de todos os españois e non pensando no que votan o resto de grupos parlamentarios"

O Partido Popular tamén reeditará o seu voto en contra. Insisten en que a lexislación ordinaria basta para xestionar o que queda de desescalada e lamentan o prezo pagado polo executivo a cambio do apoio nacionalista.

Cuca Gamarra, vicesecretaria de Política Social do PP, fala "das demandas que tanto avergonzan os españois. Non caben sinaturas con Bildu nin cabe retomar esa mesa da independencia que Esquerra lle esixiu no seu pacto de investidura".

A diferenza das anteriores, nesa última quincena de alarma o Goberno cederá a xestión da desescalada ás comunidades autónomas. Só se reservará a última palabra sobre a liberdade de movementos.

Noticias web

01/06/2020