CRTVG

Buscar

O accidente dun camión en Betanzos obriga a cortar un carril da A-6

Publicado o 27/12/2019 10:54

A perda de combustible procedente dos depósitos dun tráiler de transporte de paquetería obrigou esta madrugada a interromper o tráfico nun carril de circulación da A-6, ao seu paso por Betanzos.

O camión envorcou tras saír da vía no punto quilométrico 567, en sentido á Coruña, e parte do combustible derramouse pola estrada, polo que foi necesario que os bombeiros empregasen materiais absorbentes para conter a vertedura, mentres que o resto de combustible foi transvasado a distintos bidóns e recollido nun camión cisterna.

Os feitos ocorreron sobre as 4:00 horas, momento en que un particular informaba o 112 Galicia dun camión pesado que perdía combustible e que deixara unha mancha de gasóleo na vía.

Así, púxose a situación en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros de Betanzos, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, dos efectivos de Protección Civil e do persoal de mantemento da estrada.

O condutor non quedou ferido e o vehículo continúa a esta hora no punto, á espera da súa retirada.