CRTVG

Buscar

Novos peches perimetrais no Salnés e na Costa da Morte para frear a Covid-19

Publicado o 28/11/2020 22:10

 Tres concellos da bisbarra do Salnés: Ribadumia, Meis e Meaño entraron este sábado no nivel de restricións máis severas polo aumento de contaxios.
Os tres quedaron pechados conxuntamente. Os veciños só poden desprazarse dun a outro destes concellos pero non saír deles. "Hai que tratar de cumprir para que esta pandemia se poida reducir o máximo posible", subliña o alcalde de Ribadumia.

As reunións sociais están limitadas a persoas que vivan xuntas e bares e restaurantes só poden dar servizo para levar. "Comunicalo o luns, o martes, o mércores, pero non o venres ao mediodía. Cando o souben tiña o almacén cheo de mercadoría", lamenta un hostaleiro.
Tamén estrearon peche perimentral conxunto e as mesmas restricións os concellos de Cee, Dumbría e Muxía, na Costa da Morte.

En Muxía, as autoridades locais decidiron, ademais, extremar a limpeza e pechar parques infantís, entre outras medidas complementarias. "Imos pechar bibliotecas, ximnasios e todas aquelas sedes que poidan ser focos", explica o alcalde de Muxía.

Na rúa recollemos unha petición para que se fagan máis probas. "Os que traballamos cara ao público queremos que nos fagan as PCR porque eu podo ser asintomática e estalo repartindo a todos os clientes", reclama unha moza dun salón de peiteados.
Na Costa da Morte co paso destes concellos ao nivel tres só quedan media ducia de municipios abertos e na comarca do Salnés, xa só se libra do peche perimentral A Illa de Arousa.

Noticias web

28/11/2020