As residencias de Outeiro de Rei e O Incio suman hoxe dous novos falecementos
A provincia de Lugo acumula case o 90% dos maiores positivos nas residencias galegas. O centro con maior número de contaxios é o de Outeiro de Rei, que nas últimas horas rexistraba unha nova vítima mortal.
Son dous os falecidos rexistrados no centro dende que se detectou o gromo. Hoxe tamén hai 14 novos casos (catro son usuarios e o resto traballadores) logo de que onte aumentase nun cento o numero de contaxios.
A repunta de casos (hai un total de 166 infectados) levou a Xunta a tomar onte o control da residencia. Un equipo médico do Sergas fai un seguimento diario dos residentes enfermos, e supervisará que se apliquen os protocolos.
Dende o Concello piden un maior control sobre o persoal que entra e sae do centro para evitar que o virus circule pola vila.
"Pídolle ás autoridades sanitarias que tomen as máximas medidas posibles, que teñen controlada a esa xente porque son os que poden levar o foco fóra da residencia", di o alcalde, José Pardo.
O consistorio intensificou a limpeza de espazos públicos e repartiu polo pobo dispensadores de hidroxel pero a situación preocupalle aos veciños desta poboación de 5.000 habitantes, que apenas saen á rúa.
"Dende que se soubo o da residencia vén moita menos xente", "con moito coidado e saír o menos posible da casa", "quizais si baixou o movemento na vila", comentan os veciños.
Un novo falecido vinculado coa residencia do Incio
Nas últimas horas tamén se agravou a situación na residencia do Incio, onde faleceu un interno máis, que eleva a 17 a cifra de decesos dende que se detectou o gromo no centro.
Tamén se detectaron dous novos casos da covid-19 no persoal laboral. O balance hoxe é de 78 usuarios contaxiados e 30 traballadores.
Xunto con isto, no HULA rexistrábase hoxe outra vítima mortal; unha persoa diagnosticada de coronavirus, pero que non estaba vinculada a ningunha residencia.
Coa repunta de casos nas residencias a provincia rexistra hoxe 920 casos activos, 123 máis ca onte.