CRTVG

Buscar

Novos casos de pagamento con billetes de vinte euros simulados

Publicado o 27/01/2020 14:22

É un dos últimos biilletes simulados que alguén logrou coar como legais para efectuar pagamentos neste establecemento de Poio. Segundo nos contaron, coáronlles tres nas últimas dúas semanas, aproveitando momentos en que estaban ao máximo de traballo nas caixas. Os donos denunciaron o feito na Policía Local.

Antonio Duarte, xefe da Policía Local de Poio, di que imaxina que nese momento non tiñan forma de comprobalo e "foron capaces de coar o billete". "Simplemente con velo, xiralo, tocalo xa se percibe que é completamente falso, non reacciona á luz ultravioleta. Nos billetes de curso legal o rotulador non marca", engade Duarte.

O xefe da Policía Local lembra que o verán pasado alguén tentou pagar cun billete falso de 50 euros na zona de Combarro. Non o logrou nin tampouco puideron localizalo. Estes billetes, que teñen impresa unha liña en inglés indicando que son de simulación, apareceron en puntos diversos, polo que cómpre non descoidarse.

"Simplemente, que se fixen, que o toquen e que xiren o documento ou que o poñan a contraluz e xa se ve se o billete é falso e se ven que hai alguén que pretende pagar cun billete falso, que nos chame, que denuncien, que estaremos aí para identificar os responsables", apunta.

Os billetes deste tipo son distintos aos falsos localizados hai catro días preto de Padrón, onde alguén tirou na beiravía unha bolsa con 45 billetes moi similares aos auténticos de 20 euros.

Noticias web

27/01/2020