CRTVG

Buscar

Novo gromo en Ourense con tres casos detectados tras unha PCR preventiva

Publicado o 11/08/2020 13:48
Novo gromo en Ourense con tres casos detectados tras unha PCR preventiva

A provincia ourensá rexistra un novo gromo en Ourense por mor dun caso positivo de covid-19 detectado tras unha PCR preventiva a unha moza de 24 anos.

O labor de seguimento dos seus contactos máis estreitos realizados pola área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, unha vez realizados os rastrexos e estudos correspondentes, detectaron outros dous novos casos positivos: no seu fillo e noutra muller de 24 anos que no momento actual non presentan síntomas da enfermidade e que se atopan tamén en illamento domiciliario.

Dúas mulleres hospitalizadas

En canto ao gromo de San Cibrao das Viñas, as mesmas fontes indicaron que a paciente de 82 anos diagnosticada como caso positivo o pasado domingo 9 de agosto ingresou este luns no Hospital Universitario de Ourense "debido a un empeoramento no seu estado de saúde", e permanece nunha planta de hospitalización en situación de illamento.

Os outros tres casos positivos da súa contorna familiar asociados a este gromo atópanse na actualidade "sen síntomas da enfermidade", indicaron as mesmas fontes, en situación de illamento nos seus respectivos domicilios.

A outra paciente ingresada, unha muller de 92 anos de Chandrexa de Queixa, diagnosticada como caso positivo o pasado 2 de agosto, ingresou tamén este luns nunha planta de hospitalización do Hospital Universitario de Ourense. Os tres casos positivos da súa familia están, polo momento, sen síntomas e en illamento.