CRTVG

Buscar

Novo gromo en Lugo logo dunha festa nocturna, con seis positivos confirmados

Publicado o 09/10/2020 13:55

Superada a repunta de hai algunhas semanas en Lugo, que as autoridades relacionaron con reunións descontroladas en locais de hostalería, temos hoxe un novo foco detectado a consecuencia exactamente do mesmo.

A Policía Nacional atopou un local de hostalaría da cidade aberto fóra da hora permitida, sen esixirlles aos clientes o uso da máscara e con persoas amoreadas no interior.

Como consecuencia, foron denunciadas 19 persoas que non levaban posta a máscara, así como o xerente do local por permitir esta situación.

Pero o peor é que desa xuntanza saíu un novo gromo de coronavirus. Arestora hai seis casos confirmados de contaxio e están buscando os 23 participantes na festa nocturna para practicarlles a proba PCR a eles e aos seus contactos.

Son xa dúas veces nunha semana as que os axentes tiveron que poñer fin a estas celebracións na cidade das murallas.

"Houbo momentos de tensión pola embriaguez dalgún dos presentes. Levantouse acta por incumprimento da lei de seguridade cidadá e púxose todo en coñecemento das autoridades sanitarias e da policía local", asegura Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.

Os veciños de Lugo ven con moita preocupación as festas nocturnas non autorizadas e os botellóns. Cren que de pouco serven os esforzos colectivos se a mocidade incumpre normas sanitarias.

O maior gromo na cidade de Lugo tamén se produciu despois dunha festa nocturna o pasado agosto.

Noticias web

09/10/2020