CRTVG

Buscar

Novo gromo en Vigo, con sete afectados dunha familia procedente de Madrid

Publicado o 04/08/2020 20:40

Dos 150 casos activos na área sanitaria da Coruña, 49 corresponden ao gromo vinculado co centro de adestramento deportivo de Meicende, en Arteixo. Nas últimas horas sumou dous positivos, menos ca nas xornadas anteriores.

Este martes xa puido reabrir o Centro Cívico de Monte Alto, onde traballaba un dos afectados deste gromo.

"Aínda que o caso estaba moi focalizado nun anaco dun andar no centro cívico, decidimos pechar todo o centro e desinfectar todo, incluído o comedor social que hai na parte de atrás", afirma a xefa de servizo de Participación Cidadá do Concello da Coruña.

E despois de 70 días coas ucis libres da covid-19, na Coruña volve haber unha persoa ingresada en coidados intensivos.

En xeral todas as áreas sanitaria de Galicia rexistraron casos novos nas últimas horas, agás a de Lugo. De feito, só quedan 35 casos activos do gromo da Mariña, que leva varios días sen rexistrar positivos.

A maior parte dos focos detectados en diferentes localidades, teñen, segundo o Sergas, a orixe en persoas que veñen doutros puntos da Península.

É o caso do gromo rexistrado este martes en Vigo. Afecta sete membros da mesma familia. Trátase de dous matrimonios e tres dos seus fillos, que chegaron á cidade procedentes de Madrid.

Noticias web

04/08/2020