Nove incendios seguen activos no sur de Ourense "con evolución favorable"
Ourense comezou o día cun dato demoledor: máis de 9.000 hectáreas arrasadas polo lume. Delas, 2.000 no incendio de Vilariño de Conso e outras 2.000 no Parque Natural do Xurés.
Tamén permanecen activos outros sete incendios: dous en Cualedro, con máis de mil hectáreas queimadas, e mais os de Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Mezquita, Rairiz de Veiga e Montederramo. Pasaron a estar estabilizados outros tres e catro máis están controlados. En total, 16 incendios dende o sábado. Todo apunta á intencionalidade.
A Garda Civil tomoulle declaración a unha veciña de Vilar de Barrio de 62 anos investigada como presunta autora dun delito de incendio forestal.
Arestora, no sur da provincia de Ourense agardan que a chuvia alí prevista para esta tarde axude a vencer tanto lume.