CRTVG

Buscar

Endurécense as restricións en toda Galicia con xuntanzas de ata cinco persoas

Publicado o 21/10/2020 08:50

As restricións vannos afectar a todos, vivamos onde vivamos. Desde as doce deste medianoite en toda Galicia estará prohibido reunírense máis de cinco persoas. Limitacións tamén haberá na hostalería: comercios, bares e restaurantes só poden estar ao 50 %.

Endurécense as restricións en toda Galicia. A partir de mañá, a comunidade autónoma estará en nivel dous de alerta. A principal restrición: acóutanse as xuntanzas. Só se poden reunir un máximo de cinco persoas. O comité clínico endurece a medida tras constatar que a maioría dos contaxios se producen nas reunións familiares e sociais.

Outra das medidas restritivas é a limitación da ocupación en comercios, locais de restauración e lugares de culto ao 50 %. Nos bares está prohibido consumir nas barras en toda Galicia. As terrazas só poden ocuparse ao 75 %. Prohíbense as festas e as verbenas. O recorte na afluencia tamén afecta bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado. Limítanse os asistentes máximos tamén a eventos deportivos, 60 espectadores se o espazo é pechado, 150 en caso de que sexa aberto. Ás vodas, máximo cen persoas se son en exterior, 50 en interior. Aos velorios, máximo 25 persoas. Aos enterros só poden ir dez.

As novas restricións publícanse hoxe no DOG e entran en vigor a partir da vindeira medianoite.

Noticias web

21/10/2020