CRTVG

Buscar

Nova York espera un tsunami de contaxios, e Trump esquécese da economía

Publicado o 31/03/2020 10:57

O estado de Nova York, o epicentro da COVID-19 nos Estados Unidos, traballa a contrarreloxo á espera dun tsunami de contagios. Mentres, o presidente estadounidense Donald Trump antepuxo este luns "salvar vidas" a reactivar a economía ao superarse os 160.000 positivos no país e chegarse a máis de 3.000 mortos.

"O tsunami está a chegar; sabémolo. É o momento de reunir subministracións e prepararse", recoñeceu este luns o gobernador de Nova York, o demócrata Andrew Cuomo. O seu estado é o máis golpeado con diferenza polo coronavirus nos Estados Unidos, con 67.000 dos 163.000 positivos en todo o país e 1.342 dos 3.148 falecidos. Entre os contaxiados neoiorquinos, uns 9.500 están hospitalizados e 2.000 en coidados intensivos.

Ao desbordamento dos hospitais súmase o dos depósitos de cadáveres, por conseguinte, as autoridades en Nova York instalaron morgues móbiles en Manhattan e Brooklyn para facer fronte á crise provocada pola COVID-19.

Buque médico e hospital de campaña

Para tentar aplacar o "tsunami" agoirado por Cuomo, Nova York contará con 3.500 novas camas hospitalarias entre as 1.000 do buque militar médico Comfort, chegado este luns á cidade, e as 2.500 do hospital de campaña instalado no centro de convencións Javit.

O alcalde de Nova York, Bill De Blasio, recibiu no peirao 90 de Manhattan o buque militar e destacou que a cidade contará de maneira inmediata con "750 camas para aliviar a presión sobre o sistema de saúde" e subliñou que o Comfort conta con 1.200 persoas entre mariñeiros e persoal médico.

O  contraalmirante do Comfort, John Mustin, explicou que non se dedicarán a tratar pacientes con  COVID-19 senón a "liberar a presión" que sofren o resto de hospitais recibindo outro tipo de enfermos para que os aqueles "poidan enfocarse nesta pandemia".

O barco está tamén equipado con 12 quirófanos, un laboratorio médico, unha farmacia e radioloxía dixital, e tamén con dúas instalacións para a produción de osíxeno e unha plataforma para a engalaxe e aterraxe de helicópteros.

"Salvar vidas"

Despois de que os seus asesores médicos de máis alto rango o avisasen esta fin de semana de que os Estados Unidos se enfrontan a unha cantidade de mortes por COVID-19 que andará entre os 100.000 e os 200.000, mesmo mantendo as medidas actuais de confinamento, Trump deixou de lado de momento o seu obxectivo de reactivar canto antes a economía.

"Ben, (o confinamento) é moi malo para a economía, pero a economía é o número dous na miña lista. Primeiro, quero salvar moitas vidas", asegurou Trump durante a súa rolda de prensa diaria sobre o coronavirus na Casa Branca.

O mandatario cambiou así o seu discurso da semana pasada, cando dixo que "o remedio non pode ser peor que a enfermidade", en referencia a unha recesión, e instou a reactivar a economía nacional canto antes e a relaxar as medidas de confinamento.

O seu obxectivo era que o próximo 12 de abril, domingo de Pascua, as igrexas estivesen "repletas", como símbolo desa reactivación; con todo, xa ampliou ata o 30 de abril as medidas federais de distanciamento social. "Seguindo moi enerxicamente estas pautas, poderiamos salvar máis dun millón de vidas", dixo.

Washington, confinado

Tras rexistrar preto de 3.000 contaxios e uns 50 falecidos, o Distrito de Columbia e os estados de Virginia e Maryland, que conforman a área metropolitana de Washington, decretaron este luns unha estrita orde de confinamento aos seus residentes.

O gobernador de Maryland, o republicano Larry Hogan, alertou de que Washington pode ser un dos puntos quentes na "nova onda" da COVID-19 nos Estados Unidos tras a primeira, que afectou sobre todo á área de Nova York.

A orde prohibe aos residentes saíren do seu fogar fóra de iren buscar comida e medicinas, traballar a empregos considerados esenciais, realizar viaxes  impresdindibles e mais certas actividades recreativas.

O Zandaam, sen porto

O gobernador de Florida, o republicano Ron DeSantis, mostrouse remiso a autorizar a atracada nos seus portos do Zandaam, o cruceiro en que morreron catro persoas durante unha viaxe a Sudamérica e onde hai case 200 persoas enfermas con síntomas de COVID-19.

Para  DeSantis, sería "un erro" traer os pasaxeiros enfermos a Florida, daquela instou á navieira do cruceiro, Holland America Line, a que organice un equipo de persoal médico que atenda os pasaxeiros a bordo do barco.