CRTVG

Buscar

Todos os grupos políticos, agás Vox, condenan os disturbios nas protestas contra as restricións

Publicado o 02/11/2020 19:37

 

33 detidos en Madrid, 13 en Logroño, 16 identificados en León, e un rastro de danos a comercios e ao mobiliario urbano. É o balance que deixa unha fin de semana de disturbios contra as medidas aprobadas para conter a pandemia. Aínda que algúns partidos sosteñen que detrás hai algo máis.

Para Isa Serra, voceira de Podemos, son "convocatorias que están alentadas desde a extrema dereita de Vox desde as institucións e as redes sociais. Comparte a estratexia de Vox desde as institucións de tratar de desestabilizar o Goberno de coalición".

O PP condenou os ataques e pediulle ao Goberno que informe das investigacións sobre os instigadores. Ana Pastor, vicesecretaria de Política Social do PP, dixo que "estes actos vandálicos son execrables e lamentables. Pedimos a comparecencia urxente no Congreso dso Deputados de Grande-Marlaska, que está desaparecido".

Os socialistas expresaron o seu apoio ás forzas de seguridade e lamentaron os incidentes. Rafael Simancas, secretario xeral do grupo socialista no Congreso, asegurou que "non vai ser mediante a violencia e mediante actos de irracionalidade como venzamos o virus, como saiamos adiante. Só desde a unidade".

O ministro de Sanidade atribuíu á fatiga pandémica a proliferación das actitudes violentas que en todo caso, dixo Illa, son minoritarias.


Noticias web

02/11/2020