CRTVG

Buscar

Nova modalidade de calote para os propietarios de pisos de alugueiro turístico

Publicado o 25/09/2019 14:14

Unha nova modalidade de calote afecta, desta volta, os propietarios de pisos turísticos ofertados a través de plataformas de alugueiro. O cliente fai unha reserva de curta duración, copia as chaves e pon o piso a disposición dunha inmobiliaria para o seu arrendamento. Os xulgados de Vigo investigan xa un caso en que o propietario tardou 9 meses en conseguir desafiuzar os inquilinos da vivenda.

O subarrendamento ilegal non é algo novo, pero si facelo botando man dunha plataforma de alugueiro turístico. Os xulgados de Vigo investigan varias persoas pola súa presunta participación nesta nova modalidade de calote. Unha persoa aluga un piso unha semana a través dunha plataforma, copia as chaves e pon a disposición a vivenda a través dunha inmobiliaria con documentación falsa.

"Se hai  documentos falsos que non se axustan á realidade da propiedade da titularidade de quen aluga o piso pode haber un delito de estafa e incluso un delito de falsidade", di o avogado Evaristo Nogueira.

A investigación determinará agora a responsabilidade de cada un dos implicados.
"Todo parece indicar que pode haber un tipo penal, chamésmolle de picaresca, que conduce a algún tipo de responsabilidade penal por estafa e por falsidade documental", di o avogado Evaristo Nogueira.

O propietario tardou 9 meses en desafiuzar os inquilinos, tempo en que, ademais de non cobrar o alugueiro, tivo que facerse cargo dos gastos de luz e auga.

Para evitar este tipo de calotes, moitos propietarios xa toman medidas como instalar pechaduras con teclado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2019