CRTVG

Buscar

Dimite do PSOE ourensán Eva Maldonado, un dos apoios de Sánchez cando renunciara

Publicado o 19/03/2019 20:59

Nova dimisión no PSOE ourensán pola crise aberta a causa das listas do partido para as próximas eleccións xerais e municipais.

Trátase de Eva Maldonado, número tres ao Senado por esa provincia. Di que renuncia decepcionada tras verse relegada na lista a instancias da decisión dass executivas de Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez, malia ser a máis votada polas bases. Maldonado lembra que no seu día se posicionou a prol de Sánchez porque sempre quixo unha democracia real no seo do partido.

Recolleu firmas en apoio a Sánchez

Eva Maldonado recolleu firmas no 2016 en favor de Pedro Sánchez ante a súa caída no Comité Federal. Ademais, impulsou plataformas para apoialo e a recollida de firmas para pedir a súa volta ás eleccións primarias.

Gonzalo Caballero dá por pechadas as súas listas

E mentres tanto, alleo a esta última dimisión, Gonzalo Caballero dá por pechadas as súas listas, a pesar do descontento que xeraron en varias cidades os cambios aprobados por Ferraz. O líder dos socialistas galegos, que presentou hoxe as cabezas de lista ao Congreso, di que non é tempo de pensar nos nomes propios senón no partido.

Estas son as número un das listas ao Congreso por cada provincia. Pola Coruña, a xa deputada e ex-secretaria xeral do partido, Pilar Cancela. Por Lugo, a concelleira da cidade, Ana Prieto; por Ourense, a tamén edil do Carballiño Marina Ortega e por Pontevedra, Olga Alonso, tamén concelleira na corporación municipal de Vigo. Presentounas esta mañá antes os medios o líder do partido en Galicia. Gonzalo Caballero dá por pechadas as listas e recorda que é o comité federal o que decide quen vai e quen non.

Caballero contradí o dito onte polo seu secretario de Organización. José Luís Ábalos aseguraba que aínda hai tempo para buscar un acordo cos descontentos polas candidaturas municipais na Coruña, Ferrol e Ourense. Pero o líder galego pídelles aos críticos que pensen menos nos cargos e recórdalles que el tampouco vai en ningunha lista. Onde si que terán que buscar un nome é en Ourense, tras a renuncia do que era candidato á alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero.







 

Noticias web

19/03/2019