CRTVG

Buscar

Nova desfeita do Deportivo en Ponferrada

Publicado o 14/12/2019 21:04

Luís César non se rende e segue buscando a fórmula que faga funcionar o Deportivo. En Ponferrada probou con Borja Galán e Jovanovic no equipo titular pero o conxunto repetiu os erros de partidos anteriores. Non ten ideas e apaña á mínima. Na primeira chegada dos locais, no minuto 7, Yuri rematou completamente só para facer o 1-0, para calar os afeccionados deportivistas presentes no Toralín. E no 11, outra chegada, Valcarce cruzou de máis. 

Ao Deportivo non lle duraba o balón máis de dous pases e o Ponferradina creaba perigo cada vez que se achegaba á porta rival. A primeira aproximación coruñesa á portería de Caro foi este remate de Luis Ruiz no 34. E proba da falta de intensidade do Deportivo é o segundo gol. Yuri aproveita o erro de Lampropoulos para chegar ata a porta de Dani Giménez e superalo. Ninguén lle saíu ao paso, deixárono chantarse ante o porteiro brancoazul. Era o minuto 42.

No descanso, Luís César meteu a Mollejo e Christian Santos por Jovanovic e Mujaid. Tiveron algo máis o balón pero seguiron sen acerto cara ao gol. Caro detivo o lanzamento de Mollejo, Dani Giménez evitou o terceiro tanto de Yuri, que volveu chegar só ata a área deportivista.

E cando o Deportivo marcou, anulouno o VAR. Mollejo superou a Caro no 67, Ortiz Arias, no campo, concedeu o gol pero dende a sala VOR indicáronlle que había fóra de xogo. Anulado, e aí morreron as poucas ideas que aínda tiña o Deportivo. Soma viu a segunda amarela no engadido e non xogará ante o Tenerife. A xeira de partidos sen gañar ascende ata 19.
 

Noticias web

14/12/2019