Sanidade advirte á hostalaría que non cumpre: "Están poñendo a todos en risco"
Segundo día de desescalada e segundo chamamento á prudencia do conselleiro de Sanidade. A través dun comunicado de audio enviado aos medios, Julio García Comesaña mostrou a súa preocupación polo que considera condutas irresponsables dunha parte do sector hostaleiro que prexudican a todos, xa que se os contaxios volven subir habería que volver ás restricións.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Hai unha cantidade moi considerable polo que estamos vendo que non abriu coas condicións fixadas. E co seu comportamento irresponsable está poñendo en risco a todos. Os que incumpren xogan o peche futuro dos seus locais pero tamén dos que están cumprindo as normas e iso é unha grande inxustiza que entre todos temos que evitar".
Desde a Consellería lembran que na maioría dos concellos, este tipo de establecemenos poden ter as terrazas ocupadas ata un 50 por cento e no interior ata un 30 por cento a capacidade. Ademais, segundo se pactou co sector, as mesas deben estar montadas para facilitar o control das medidas de ocupación. E entre as habilitadas, debe haber unha mesa libre por cada unha ocupada.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Pedimos, polo tanto, á hostalería responsabilidade, ás asociacións que insistan nesta mensaxe e os propietarios que cumpran co que está pactado e co que é norma".
Finalmente o conselleiro pídelles ás forzas de seguridade que sexan inflexibles cos incumprimentos, e aos cidadáns que sexan tamén responsables e respecten as normas sanitarias.