CRTVG

Buscar

Aviso amarelo na montaña de Lugo e Ourense pola primeiras nevadas

Publicado o 07/11/2019 16:20

Unha fina capa de neve trouxo o inverno esta mañá a Pedrafita. É un anticipo do que se agarda para a tarde-noite en boa parte da montaña de Lugo e Ourense. A previsión de nevaradas sitúa a cota en 800 metros. "O frío é de neve; agora, que veña ou non, non o sei. Esta mañá xa caían folerpas". "Eu creo que vai nevar. Está cada vez máis frío isto. Hai que acender a estufa xa".

En Vilavella, no concello ourensán da Mezquita, están por riba dos oitocentos e xa olen a neve. Hoxe amenceron a máis temperatura da que hai agora. O termómetro rolda os tres graos, pero a sensación térmica baixa dos cero. Hai exactamente unha semana estaban a 15 graos.

"É que levamos unha temporada case en manga curta. Hai días de facer calor, de andar ás castañas e facer calor, pero agora xa refrescou bastante".

A mínima das últimas horas rexistrouse en Xares, ao pé de Pena Trevinca. Menos dous con cinco graos á unha do mediodía. Tamén baixaron de cero en Manzaneda e no Cebreiro. "Esperando a neve. Estamos a iso xa. Coas temperaturas que había esta mañá, de tres graos... En canto chegue, hai que estar preparados".

O aviso amarelo por nevaradas, que activaron tanto Meteogalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía, abrangue das seis da tarde de hoxe ata mañá ás doce do mediodía.

Juan Taboada, Meteorólogo de Meteogalicia "A borrasca que temos hoxe é moi fría. Está na zona de Irlanda e, ademais de inestabilidade, chuvascos e sarabia, a cota de neve irá descendendo. Por riba dos 1.000, 1.100 metros poden acumularse ata 5 centímetros, por debaixo menos. Poderemos ver as primeiras folerpas xa por debaixo dos 1.000 metros na vindeira noite".

E na provincia de Pontevedra, foi a sarabia a que nos deixou esta imaxe:

 

 

En canto ás Rías Baixas o aviso será amarelo desde as 15,00 horas deste xoves por mar combinado do noroeste con ondas de entre catro e cinco metros.

Noticias web

07/11/2019