CRTVG

Buscar

"Non nos damos contas que cousas que fas no día ao día, cando quedas pechado nun cárcere non as podes facer"

Publicado o 21/08/2019 10:49

Marta Soto e José Manuel Losada, membros da Comisión de Asesoramento Xurídico a Presos do Colexio de Avogados de Ourense, explicaron este mércores no Bos Días a importacia do seu traballo. "Hai que pensar que unha persoa que cumpre condena se vai atopar cos mesmos problemas que os que estamos fóra. Estando en prisión pode xurdirlles un desafiuzamento, por exemplo, unha reclamación de cantidade, problemas fiscais... Tratamos de derivalos á xustiza gratuíta ou axudalos neses temas. Pero evidentemente levamos temas penitenciarios que non están cubertos pola xustiza gratuíta", conta Marta Soto.

"As veces non nos damos contas que cousas que fas no día ao día, cando quedas pechado nun cárcere non as podes facer, sobre todo se non contas co apoio de familiares. Nós o que facemos é un pouco a parte legal, de fiscalidade, laboral, e sobre todo centrados no tema de penitenciario", di José Manuel Losada.

En concreto, asegura Marta, poden ser "recursos de queixa de persmisos de saída, progresións en grao, problemas en comunicacións, con tratamentos médicos,... Moitas veces entran a cumprir condena e teñen outras causas pendentes, están algo perdidos, e tratamos de recompoñer a súa situación, e facemos que non perdan o contacto cos avogados que teñen asignados".

"Levamos desde o ano 1990, a través de distintos compañeiros e compañeiras. Somos moi distintos, cada quen ten a súa motivación. Eu podería falar de que teño coñecemento en materias nas que quero axudar ou sentirme útil", afirma José Manuel.

Un dos problemas no seu traballo é que non está implantado de forma xeral. "No resto do estado español hai servizos deste tipo, que normalmente está cuberto polo turno de oficio -afirma Marta-. Aquí en Galicia non está cuberto, existe o servizo en Pontevedra tamén, pero no resto do Colexio de avogados non hai servizo. Hai unha necesidade por parte da xente que está cumprindo condena, moitos son xente sen recursos, algúns analfabetos funcionais. Hai unha necesidade importante, porque hai un desamparo". "En Pereiro de Aguiar coñecen a comisión porque leva moitos anos funcionando, e os presos piden vernos. Nós imos os venres. Logo se temos coñecemento de que algún preso ten unha necesidade somos nós os que chamamos para velo".

Polo seu traballo detectan as carencias que ten o sistema, e Marta Soto destaca que "agora mesmo hai unha falta de recursos en temas sanitarios, os propios funcionairos queixanse deses problemas. Hai pouco publicouse a noticia de que está aumentando de maneira alarmante o número de mortes en prisión derivado en parte pola falta de recursos sanitarios". Pero sobre todo incide en que "hai unha falta de investimento en tratamento aos presos, e detectamos problemas por exemplo en temas de violencia de xénero. Unha persoa que entra en prisión cunha condena curta por este motivo sae sen recibir un programa específico en violencia de xénero, co que iso significa, que ten máis posibilidades de volver reincidir".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí