CRTVG

Buscar

Noite de controis de alcolemia e drogas nas estradas galegas

Publicado o 15/12/2019 14:59

A Garda Civil de Tráfico continúa intensificando os controis de alcol e drogas durante estas datas de comidas de empresa e encontros familiares. Tamén segue insistindo: beber é incompatible cunha condución segura.

A estrada non entende de escusas. Unha vía en mal estado, a choiva ou unha velocidade inadecuada só conceden un segundo de marxe para evitar un accidente, e conducir baixo os efectos do alcol ou das drogas reducen aínda máis ese tempo de reacción. Por iso, a Garda Civil de Tráfico está a intensificar os controis nestas datas, como este realizado en Ourense coa colaboración da Policía Local e tamén dos condutores.

"Paréceme moi ben que se controle o tema do alcolismo no coche",  "Paréceme perfecto. Se a xente conduce non debe beber" ou  "O que non bebe, leva o coche, e senón sempre lle queda o recurso de coller un taxi" son algunhas das contestacións dos condutores sometidos ao control.

Durante o tempo que estivo activo este operativo á saída de Ourense os axentes controlaron douscentos condutores. O resultado, loable: nin un só caso positivo, o que ata mereceu unha celebración.

Segundo Ángel Rafael Rodríguez, capitán xefe da Garda Civil de Tráfico de Ourense, "hai cinco anos detectábanse moitos positivos en alcol e drogas, pero agora a cousa normalizouse e xa nos custa moito detectar persoas que van con máis de alcol do permitido ou baixo a influencia das drogas".

En Ourense, os axentes salientan que nos últimos anos foise reducindo o número de falecementos na estrada, pero seguen insistindo en que non se pode baixar a garda.

"Os demais poden divertirse, pero un ten que non beber. Ou coller o servizo público, que hai taxis ou familiares que poden vir recollelo. O que non pode ser é que un estea de diversión, beba de máis ou tome drogas e que despois se meta no coche, guíe e teña un accidente ou cause unha vítima inocente", afirma o capitán da Garda Civil de Tráfico de Ourense.

As frías estatísticas din que en Galicia xa faleceron 85 persoas en accidentes de tráfico no que vai de ano. Esta fin de semana as cifras, afortunadamente, non aumentaron.

Noticias web

15/12/2019